mércores, 14 de maio de 2025

Como preparar os exames con éxito

Os exames poden ser un desafío importante para calquera estudante. A presión por conseguir bos resultados pode xerar nervios e ansiedade, pero con planificación, estratexias ben aplicadas e coidado emocional, é posible superar estas probas con éxito. Neste artigo aprenderás:

Métodos efectivos para estudar

Técnicas de estudo rápido para os últimos días
Estratexias para reducir a ansiedade antes dunha proba.

Antes do exame: a preparación é a clave


1. Planifica con antelación: Non deixes todo para o último momento.Estudar un pouco cada día durante varios días, en vez de todo dunha vez, mellora a retención a longo prazo. 

Organiza un calendario de estudo e distribúe o temario en bloques pequenos para revisalo con tempo. 

É moi importante que te organices de xeito realista, ser demasiado optimista neste punto só che levará á frustración. valora con honestidade as horas que necesitas dedicarlle a cada  cuestión para afianzar o que xa sabes e ir incorporando novos datos. Canto máis acoutes e mellor saibas que é o que vas facer e en canto tempo, máis focalizado estará o teu estudo e maior será a túa concentración. 

Incorpora na túa planificación tempo extra para dedicarlle aos elementos máis complexos para ti. 

2 Emprega técnicas de estudo eficaces

Método Pomodoro

Consiste en estudar por bloques de 25 minutos con 5 minutos de descanso entre eles. Despois de 4 bloques, faise unha pausa máis longa (15–30 minutos). Este método axuda a manter a concentración e evita a fatiga mental.

Técnica Feynman

Explica o que estudas coma se llo ensinaras a un neno. Se es capaz de explicalo con palabras sinxelas, significa que o comprendiches. Este método obriga a entender a fondo o contido.

Compilar todo o material necesario, apuntes, mapas, ordenador ou libros, calculadora, etc…

Subliñado selectivo. Non subliñes todo o texto. Identifica as ideas clave, palabras técnicas e conceptos esenciais.

Resumos e esquemas. Reescribe a información coas túas propias palabras. Isto non só condensa o contido, senón que tamén facilita a comprensión.

Mapas mentais

Organizan visualmente a información. Ideais para materias teóricas ou con moitas conexións conceptuais, como historia ou bioloxía.

Visual thihking: É unha técnica que se basea no uso de elementos visuais, como debuxos, diagramas, esquemas, gráficos e outros recursos, para organizar ideas, representar conceptos e facilitar a comprensión de información complexa

Autoavaliación. Fai preguntas a ti mesmo ou responde exames anteriores. Isto activa a recuperación da memoria, moito máis eficaz que reler.

Practica con exames anteriores. Isto axudarache a acostumarte ao tipo de preguntas e ao formato da proba.  

Aclarar as dúbidas. Preguntando ó profesorado ou algún compañeiro. Esto aumentará a túa seguridade. 

Estudar de forma significativa, esto implica comprender, relacionar e aplicar os contidos, non só memorizalos. O cerebro aprende mellor cando conecta o novo cos coñecementos previos.

Empregra regras mnemotécnicas: Trátanse de técnicas útiles para lembrar datos  como por exemplo datas, nomes de personaxes históricos ou unha lista de conceptos relacionados. O fío condutor e a clave de todas estas regras consiste na cantidade de asociacións que somos capaces de aplicar. Acrónimos, acrósticos, rimas ou historias.
Infografía Técnicas de estudo de D.O. IES. Sofía Casanova.


Como reducir a ansiedade antes e durante o exame.


  • Descansa e mantén unha rutina saudable: Durmir ben e levar unha alimentación equilibrada e saudable.

  • Realiza exercicio físico: Se o corpo está ben, a mente estará ben. O exercicio físico axuda á memoria e á concentración, favorece o sono.

  • Estuda nun lugar con ambiente idóneo: Unha zona silenciosa e ben ventilada, cadeira cómoda e mesa ordenada, boa iluminación e temperatura adecuada.

  • Evita o consumo excesivo de hidratos de carbono, azúcres, café e bebidas estimulantes e ten coidado con substancias como os depresores do sistema nervioso central, analxésicos, estimulantes, inhalantes,etc…

  • Preparate mentalmente e chega con tempo ao exame é tan importante como estudar.

  • Mantén unha actitude positiva: Confía no traballo que fixeches e evita pensamentos negativos sobre a proba. O que te dis a ti mesmo inflúe. Substitúe frases como "non son capaz" por "estou mellor preparado do que creo".

  • Practica a respiración profunda: Se notas tensión, para uns segundos e respira profundamente. Isto axudarache a relaxarte.  

  • Evita compararte cos demais: Cada persoa ten o seu ritmo de aprendizaxe e preparación. Confía en ti mesmo.  

  • Visualiza o éxito: Imaxina que entras ao exame tranquilo, recordas o temario e respondes con seguridade. Isto reforzará a túa confianza.  

  • Acepta os nervios como algo normal: Un pouco de ansiedade pode ser positivo, xa que mellora a concentración. O truco está en que non se volva excesiva. 

  • Le ben as instrucións do exame e empeza polas preguntas máis fáciles, para afrontar despois as máis complexas ou as máis longas. Se non lembras unha pregunta, continúa coas que sabes para non perder tempo.

xoves, 8 de maio de 2025

Plan Director: Charla Violencia de Xénero

 

O Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos centros educativos e as súas contornas. Para lograr este obxectivo, creáronse canles de comunicación directa e permanente coa comunidade educativa por parte da Policia Nacional, mediante charlas impartidas por axentes e expertos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, coas que informan ao alumnado sobre diversos aspectos aspectos que atañen á súa seguridade.

Este mércores 7 de maio, no salón de actos do instituto o alumnado de 3º da ESO, participou nunha conferencia sobre o  tema da violencia de xénero. Os axentes destacaron que ven de primeira man as consecuencias devastadoras desta lacra polo que quixeron achegarnos  información clave para entender mellor este problema, identificar os seus sinais e coñecer os riscos que poden aparecer en ámbitos como as redes sociais.


Para empezar distinguiron dous conceptos : a violencia doméstica e a violencia de xénero.

A violencia doméstica refírese a calquera acto de violencia física, psíquica, económica ou sexual que se produce no ámbito do fogar ou da unidade de convivencia.

A violencia de xénero,  é un tipo específico de violencia que se exerce contra as mulleres por parte da súa parella ou exparella, tendo sempre un componente de relación afectiva. A motivación do agresor radica na súa pretensión de dominio e control sobre a muller.


É crucial estar atentos ás sinais de alarma nunha relación, xa que a violencia non adoita aparecer de forma repentina, senón que se vai manifestando gradualmente. Algúns indicios que deben poñernos en alerta son:

  • Control excesivo: A parella quere saber en todo momento onde estás, con quen falas, revisa o teu móbil, as túas redes sociais, e enfádase se non respondes de inmediato.
  • Illamento: Intenta afastarte da túa familia, dos teus amigos, e critica ás persoas que che importan.
  • Desvalorización e humillación: Insúltate, ridiculízate en público ou en privado, mina a túa autoestima.
  • Cambios de humor bruscos: Pasa da euforia á rabia sen motivo aparente.
  • Coacción: Obrígar a outros a facer cousas que non queren. impoñer as decisións.
  • Violencia verbal: Gritos, insultos, descalificacións constantes.
  • Minimización ou negación: Resta importancia aos seus actos violentos ou directamente os nega.
  • Culpabilización: O agresor sempre culpabiliza á víctima dos actos de violencia.

No contexto actual, as redes sociais poden converterse nunha ferramenta máis de control e violencia polo que debemos ser conscientes dos perigos que entrañan:

  • Control de contas: A parella insiste en coñecer as túas contrasinais, revisa as túas conversas privadas, os teus contactos, e esixe explicacións sobre as túas interaccións en liña.
  • Xeolocalización: Obrígate a compartir a túa ubicación en tempo real ou actívaa sen o teu consentimento para saber onde estás en cada momento.
  • Ciberacoso: Envía mensaxes ofensivas, difama ou divulga información persoal sen o teu consentimento.
  • Vixilancia constante: Está pendente das túas publicacións, dos teus "me gusta", dos teus comentarios, e cuestiónaos.
  • Suplantación de identidade: Crea perfís falsos coa túa imaxe ou utiliza as túas contas para publicar contido sen a túa autorización. 

É vital entender que ningunha forma de control ou violencia é aceptable. Por este motivo, alertaron de que se alguén coñece a unha persoa que está a vivir unha situación así, non dubidemos en pedir axuda á Policía Nacional. Informando tamén que Contan  con unidades especializadas en violencia de xénero que poden ofrecer información, asesoramento e medidas de protección. O teléfono ó que podemos acudir é o  016.

mércores, 23 de abril de 2025

Formación sobre afectividade sexual


 Dentro do Plan de Acción titorial do centro, seguimos a a colaborar co Equipo de  Orientación e Planificación familiar de Ferrol, para continuar coa actividade en materia de afectividade en sexualidade que se tiña iniciado no segundo trimestre, os destinatarios foron os rapaces e rapazas de  2º da ESO desenvolvéronse nesta ocasión na biblioteca do centro en dúas quendas desde as 10’30 ás 12’10, o día 22-04-2025.


Estas charlas teñen como obxectivo primordial dotar ao alumnado de coñecementos baseados en datos empíricos, habilidades, actitudes e valores que os preparen para gozar de saúde, benestar e dignidade.
Establecer relacións sociais e sexuais baseadas no respecto e o consentemento. Analizar como as súas decisións afectan ao seu propio benestar e ao doutras persoas  e comprender como protexer os seus dereitos e velar por eles. 

Nos coloquios e exposicóns abórdanse temas como: 

  • O noso corpo e os seus cambios, as emocións e os sentimentos, as relacións interpersoais

  • A saúde sexual e o desenvolvemento, as habilidades para conservar  a saúde e o benestar, así como, as relacións sexuais e afectivas equilibradas.

  • O entendemento de xénero, a loita contra a violencia sexual e afectiva.

  • Os valores e a  cultura de dereitos e sexualidade.

Desde o Departamento de Orientación queremos felicitar a titores, alumnado e profesorado pola súa participación activa nestas charlas e agradecer o traballo do Equipo de  Orientación e Planificación familiar de Ferrol.


mércores, 2 de abril de 2025

Día Mundial da Saúde


O 7 de abril celébrase o Día Mundial da Saúde, promovido pola (OMS) en 1948. Nesta ocasión queremos facer mención dun tema de saúde que nos afecta a toda a comunidade educativa e que non se pode visibilizar con máscaras, nin facer prevención con vacinas, que é a saúde mental. 
Neste día temos como obxectivos:
Promover o coñecemento de hábitos de vida saudables que contribúan ao benestar físico, mental e social.
Fomentar a responsabilidade individual e colectiva na adopción de prácticas saudables no día a día.
Posibilitar a reflexión sobre as propias emocións e a súa importancia.
Desmitificar a saúde mental e fomentar a busca de axuda cando sexa necesario.
Promover a empatía e a comprensión cara ás emocións dos demais.

 Moitas veces, a xente ao noso redor parece feliz, pero non sabemos se están sufrindo. A dor mental non se ve coma unha ferida física. Nas redes sociais, só vemos imaxes de felicidade, o que nos fai pensar que a nosa vida é peor. Non falamos do sufrimento e evitamos axudar aos demais. 

Aínda que é importante buscar axuda profesional, todos podemos facer pequenas cousas para axudar aos demais: saudar, escoitar, sorrir. Estes xestos simples poden dar esperanza a alguén que está a pasar por un momento difícil.

Son moitos os aspectos conectados coa saúde mental e unicamente deixamos unha pequena  propostas para iniciar o diálogo nas aulas. 

            

  A información está resumida na infografía.

Saúde Mental de OrientacíónSofíaCasanova.

 

1º Actividade. Iniciamos o diálogo analizando "o caso de María".

María  é unha moza de 15 anos que ten unha vida normal: vai ó instituto, fai natación un par de días á semana e as fins de semana sae a pasear cos seus amigos e amigas pola súa cidade. Unha vez cada 15 días, desde fai un par de meses, vai á psicóloga, aínda que non llo dixo a ninguén.

«Os psicólogos son os profesionais ós que acudimos cando necesitamos axuda para coidar da nosa saúde mental.»

  • Que imaxinas que lle pode pasar a María para acudir á psicóloga?
  • Cres que é normal que non llo contou a ninguén? Por que?
  • Coñeces  cal é a diferenza entre a psicoloxía e a psiquiatría? Explícao coas túas propias palabras.
  • Por que cres que é importante coidar a saúde mental? 
  • Poderías definir “saúde mental” coas túas propias palabras?
  • Que factores dos que ves na táboa cres que inflúen na nosa saúde mental?

2º Actividade. "A miña mochila emocional"
Pedimos a cada estudante que debuxe unha mochila nun folio ou cartolina. Explicamos que a mochila representa as a carga das nosas emocións e experiencias. Animamos ó alumnado a que debuxen ou escriban dentro da mochila as emocións que experimentan con máis frecuencia, debuxando un peto para as positivas e outro para as negativas. Tamén poden incluír símbolos ou emoticonos que nos axuden a expresalas ou identificalas do mellor xeito.
Nesta actividade a mochila serve como unha representación visual do mundo interior do alumnado, permitíndolles conectar as emocións coas experiencias que as provocan. Ao compartir as súas mochilas emocionais con outros compañeiros poden darse conta de que non están sós nos seus sentimentos e que outros tamén experimentan desafíos similares.

Para rematar deixamos un Decálogo da Boa Saúde Emocional e Hábitos de Vida Saudables.





domingo, 23 de febreiro de 2025

8 de marzo: Día Internacional da Muller Traballadora: Unha loita que continúa


O Día Internacional da Muller Traballadora, unha data que nos lembra a loita histórica das mulleres polos seus dereitos laborais e a igualdade de xénero. Que tivo os seus inicios a finais do XIX e principios do XX e estivo marcada por eventos tráxicos que puxeron de manifesto as pésimas condicións laborais e de vida que sufrían as mulleres.
A Triangle Shirtwaist e a Revolución rusa.
O 25 de marzo de 1911, un incendio na fábrica Triangle Shirtwaist de Nova York cobrou a vida de 146 mozas inmigrantes. Estas mulleres ao igual que moitas outras, xunta cos homes da época, loitaban por mellores salarios, horarios de traballo máis xustos e condicións de seguridade axeitada así como pola erradicación do traballo infantil.  A loita destes grupos de mulleres, tanto en Nova York, como en Rusia, no inicio da revolución bolchevique, e outros lugares do mundo, contribuíu a impulsar o movemento obreiro na procura de mellorar as condicións de vida e de traballo.
A folga das mulleres do sector téxtil en Barcelona.
En 1913 “Folga das Seis Semanas”, as mulleres do sector téxtil en Barcelona protagonizaron numerosas folgas e mobilizacións para reclamar melloras salariais, redución da xornada laboral e condicións de traballo máis dignas, demostrando unha gran valentía e determinación na súa loita pola igualdade.
A relación co 8 de marzo.
Aínda que a Revolución en Rusia,  o incendio da Triangle Shirtwaist e a folga das mulleres do sector téxtil en Barcelona,  foron momentos clave na historia da loita das mulleres, non son a orixe da celebración desta xornada. Para informarnos con claridade dexamos aquí unha liña do tempo e dos vídeos.
50 aniversario 8M de D.O.


                                                      Este vídeo ten unha explicación máis detallada.

 O 8 M é un día para lembrar a loita das mulleres que nos precederon e para renovar o noso compromiso coa igualdade de xénero, reflexionando sobre os logros alcanzados e os desafíos que aínda quedan por superar.

Actividades nas titorías.

Moitas mulleres foron pioneiras na loita pola igualdade profesional.
Deixámosvos un documento titulado PIONEIRAS,
no que podedes atopar información sobre mulleres que abriron camiño en distintos campos profesionais. Con etes datos, na hora de titoría, deseñaredes tarxetas ou infografías sobre algúnha figura que vos resulte de interés, para poñelas nunha exposición que se fará na entrada do centro, na celebración desta data.
Deixamos como exemplo unha tarxeta tipo entrada de Instagram que o alumnado pode facer en Canva. Tamén tedes algunhas en branco para facer en papel, este é un modelo pero podedes decidir facer outro. Os traballos feitos en Canva podedes deixalos por medio dun enlace no Muro do alumando que está na marxe dereita deste blog. Por outra banda desde o Equipo Maker (Ángeles Fernández) fixeron uns broches que deixarán, o venres, na mesa do profesorado, para que se poña o alumando para esta celebración.

Aquí tes unha guía para facelo en Canva e publicalo en PADLET.

Nestes días iremos subindo  outras achegas do profesorado.
Deixamos aquí unha mostra de imaxe que se pode usar como plantilla de Canva. 
Se picas na imaxe podes descargar varios modelos para facer en papel.


 

luns, 17 de febreiro de 2025

Plan director: "delitos de odio"

O Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos centros educativos e as súas contornas, persegue previr calquera risco que afecte á seguridade e o benestar dos menores, na escola e a súa contorna.
Para lograr este obxectivo, creáronse canles de comunicación directa e permanente coa comunidade educativa por parte da Policia Nacional.

Eles imparten conferencias  nos centros nos que tratan temas como:
Riscos de Internet
Acoso escolar
Violencia de Xénero
Bandas xuvenís
Drogas e alcol
Dentro dos obxectivos deste Plan está a loita contra “os delitos de odio” que se definen como: “Toda infracción penal, incluídas as cometidas contra as persoas ou a propiedade, onde o ben xurídico protexido, elíxese polo seu, real ou percibida, conexión, simpatía, filiación, apoio ou pertenza a un grupo. 

Neste curso desde o Departamento de Orientación programáronse unha serie de charlas que se desenvolveron o 12 de febreiro de 2025, para o alumnado de 4º da ESO.
A Policía Nacional estivo a presentarlles mecanismos de detección e protocolos de intervención en caso de incidentes ou actitudes racistas, xenófobas e discriminatorias.
                                         


domingo, 9 de febreiro de 2025

As Mulleres e as Nenas na Ciencia: Un Paso cara á Igualdade

Este ano cúmprense 10 anos da declaración por parte da ONU do “Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia” (11 de febreiro de 2015) e 30 da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing. Ambas iniciativas teñen como obxectivo que todas as nenas e mulleres teñan as mesmas oportunidades para estudar, traballar e brillar na ciencia.

Aínda que se lograron avances significativos, como unha maior presenza de mulleres en carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), aínda existen desafíos importantes. A brecha de xénero persiste en moitos ámbitos científicos e as mulleres seguen enfrentando obstáculos para alcanzar postos de liderado e recoñecemento.

Este 11 de febreiro desde o noso centro  queremos render homenaxe a dúas científicas moi destacadas do noso país que son de Ferrol: a oceanógrafa Ángeles Alvariño e a profesora Ángela Ruiz Robles.

A primeira foi recoñecida no 2015, pola
Real Academia Galega de Ciencias de Galicia, cun número especial ao que vos deixamos unha ligazón. Tamén leva o seu nome un buque oceanográfico do noso país e o parlamento galego aproboou a Lei 13/2021, de 20 de xullo, coñecida como Lei  Ángeles Alvariño, para garantir a igualdade na universidade,para apoiar, promover e visibilizar o traballo investigador das mulleres en Galicia e introduce mecanismos correctores e obxectivos nas convocatorias públicas de I+D+i para evitar a súa discriminación.
https://historia.nationalgeographic.com.es/a/angeles-alvarino


A profesora
Ángela Ruiz Robles, pola súa banda, foi unha pioneira no ámbito da educación e a tecnoloxía, sendo a creadora da Enciclopedia Mecánica, un invento considerado o precursor do libro electrónico. A súa contribución ao ensino e á divulgación do coñecemento fai que sexa unha figura clave na historia da innovación educativa.
https://www.acami.es/efemerides/28-de-marzo-de-1895/

A celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia non só nos permite recoñecer o traballo destas e doutras científicas, senón que tamén nos lembra a importancia de seguir fomentando vocacións científicas entre as novas xeracións de nenas e mozas.
Aquí deixamos enlaces a dúas unidades didácticas para achegarnos a estas dúas científicas galegas.

Actividades:
 
No D. de Orientación, Patricia de Matemáticas, elaborou uns carteis sobre mulleres científicas que están expostos na entrada e nos corredores. Así mismo, confecionou un cuestionario que achegamos, no enlace. Estos elementos estaban deseñadodos para a realización co alumnado dunha actividade que consiste en responder, facendo grupos de 3 ou 4 alumnos/as, as cuestións sobre as mulleres destes carteis, na hora de titoría. En principio, é unha actividade para o alumnado de 1º e 2º da ESO, pero sodes benvidos de facela con titorías de outros niveis.
                              CUESTIONARIO
Recomendamos tamén a visualización dos seguintes vídeos, sobre a campaña #Nomorematildas que busca denunciar as consecuencias do Efecto Matilda, a ausencia da autoría das mulleres en traballos científicos.