xoves, 8 de maio de 2025

Plan Director: Charla Violencia de Xénero

 

O Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos centros educativos e as súas contornas. Para lograr este obxectivo, creáronse canles de comunicación directa e permanente coa comunidade educativa por parte da Policia Nacional, mediante charlas impartidas por axentes e expertos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, coas que informan ao alumnado sobre diversos aspectos aspectos que atañen á súa seguridade.

Este mércores 7 de maio, no salón de actos do instituto o alumnado de 3º da ESO, participou nunha conferencia sobre o  tema da violencia de xénero. Os axentes destacaron que ven de primeira man as consecuencias devastadoras desta lacra polo que quixeron achegarnos  información clave para entender mellor este problema, identificar os seus sinais e coñecer os riscos que poden aparecer en ámbitos como as redes sociais.


Para empezar distinguiron dous conceptos : a violencia doméstica e a violencia de xénero.

A violencia doméstica refírese a calquera acto de violencia física, psíquica, económica ou sexual que se produce no ámbito do fogar ou da unidade de convivencia.

A violencia de xénero,  é un tipo específico de violencia que se exerce contra as mulleres por parte da súa parella ou exparella, tendo sempre un componente de relación afectiva. A motivación do agresor radica na súa pretensión de dominio e control sobre a muller.


É crucial estar atentos ás sinais de alarma nunha relación, xa que a violencia non adoita aparecer de forma repentina, senón que se vai manifestando gradualmente. Algúns indicios que deben poñernos en alerta son:

  • Control excesivo: A parella quere saber en todo momento onde estás, con quen falas, revisa o teu móbil, as túas redes sociais, e enfádase se non respondes de inmediato.
  • Illamento: Intenta afastarte da túa familia, dos teus amigos, e critica ás persoas que che importan.
  • Desvalorización e humillación: Insúltate, ridiculízate en público ou en privado, mina a túa autoestima.
  • Cambios de humor bruscos: Pasa da euforia á rabia sen motivo aparente.
  • Coacción: Obrígar a outros a facer cousas que non queren. impoñer as decisións.
  • Violencia verbal: Gritos, insultos, descalificacións constantes.
  • Minimización ou negación: Resta importancia aos seus actos violentos ou directamente os nega.
  • Culpabilización: O agresor sempre culpabiliza á víctima dos actos de violencia.

No contexto actual, as redes sociais poden converterse nunha ferramenta máis de control e violencia polo que debemos ser conscientes dos perigos que entrañan:

  • Control de contas: A parella insiste en coñecer as túas contrasinais, revisa as túas conversas privadas, os teus contactos, e esixe explicacións sobre as túas interaccións en liña.
  • Xeolocalización: Obrígate a compartir a túa ubicación en tempo real ou actívaa sen o teu consentimento para saber onde estás en cada momento.
  • Ciberacoso: Envía mensaxes ofensivas, difama ou divulga información persoal sen o teu consentimento.
  • Vixilancia constante: Está pendente das túas publicacións, dos teus "me gusta", dos teus comentarios, e cuestiónaos.
  • Suplantación de identidade: Crea perfís falsos coa túa imaxe ou utiliza as túas contas para publicar contido sen a túa autorización. 

É vital entender que ningunha forma de control ou violencia é aceptable. Por este motivo, alertaron de que se alguén coñece a unha persoa que está a vivir unha situación así, non dubidemos en pedir axuda á Policía Nacional. Informando tamén que Contan  con unidades especializadas en violencia de xénero que poden ofrecer información, asesoramento e medidas de protección. O teléfono ó que podemos acudir é o  016.