mércores, 14 de maio de 2025

Como preparar os exames con éxito

Os exames poden ser un desafío importante para calquera estudante. A presión por conseguir bos resultados pode xerar nervios e ansiedade, pero con planificación, estratexias ben aplicadas e coidado emocional, é posible superar estas probas con éxito. Neste artigo aprenderás:

Métodos efectivos para estudar

Técnicas de estudo rápido para os últimos días
Estratexias para reducir a ansiedade antes dunha proba.

Antes do exame: a preparación é a clave


1. Planifica con antelación: Non deixes todo para o último momento.Estudar un pouco cada día durante varios días, en vez de todo dunha vez, mellora a retención a longo prazo. 

Organiza un calendario de estudo e distribúe o temario en bloques pequenos para revisalo con tempo. 

É moi importante que te organices de xeito realista, ser demasiado optimista neste punto só che levará á frustración. valora con honestidade as horas que necesitas dedicarlle a cada  cuestión para afianzar o que xa sabes e ir incorporando novos datos. Canto máis acoutes e mellor saibas que é o que vas facer e en canto tempo, máis focalizado estará o teu estudo e maior será a túa concentración. 

Incorpora na túa planificación tempo extra para dedicarlle aos elementos máis complexos para ti. 

2 Emprega técnicas de estudo eficaces

Método Pomodoro

Consiste en estudar por bloques de 25 minutos con 5 minutos de descanso entre eles. Despois de 4 bloques, faise unha pausa máis longa (15–30 minutos). Este método axuda a manter a concentración e evita a fatiga mental.

Técnica Feynman

Explica o que estudas coma se llo ensinaras a un neno. Se es capaz de explicalo con palabras sinxelas, significa que o comprendiches. Este método obriga a entender a fondo o contido.

Compilar todo o material necesario, apuntes, mapas, ordenador ou libros, calculadora, etc…

Subliñado selectivo. Non subliñes todo o texto. Identifica as ideas clave, palabras técnicas e conceptos esenciais.

Resumos e esquemas. Reescribe a información coas túas propias palabras. Isto non só condensa o contido, senón que tamén facilita a comprensión.

Mapas mentais

Organizan visualmente a información. Ideais para materias teóricas ou con moitas conexións conceptuais, como historia ou bioloxía.

Visual thihking: É unha técnica que se basea no uso de elementos visuais, como debuxos, diagramas, esquemas, gráficos e outros recursos, para organizar ideas, representar conceptos e facilitar a comprensión de información complexa

Autoavaliación. Fai preguntas a ti mesmo ou responde exames anteriores. Isto activa a recuperación da memoria, moito máis eficaz que reler.

Practica con exames anteriores. Isto axudarache a acostumarte ao tipo de preguntas e ao formato da proba.  

Aclarar as dúbidas. Preguntando ó profesorado ou algún compañeiro. Esto aumentará a túa seguridade. 

Estudar de forma significativa, esto implica comprender, relacionar e aplicar os contidos, non só memorizalos. O cerebro aprende mellor cando conecta o novo cos coñecementos previos.

Empregra regras mnemotécnicas: Trátanse de técnicas útiles para lembrar datos  como por exemplo datas, nomes de personaxes históricos ou unha lista de conceptos relacionados. O fío condutor e a clave de todas estas regras consiste na cantidade de asociacións que somos capaces de aplicar. Acrónimos, acrósticos, rimas ou historias.
Infografía Técnicas de estudo de D.O. IES. Sofía Casanova.


Como reducir a ansiedade antes e durante o exame.


  • Descansa e mantén unha rutina saudable: Durmir ben e levar unha alimentación equilibrada e saudable.

  • Realiza exercicio físico: Se o corpo está ben, a mente estará ben. O exercicio físico axuda á memoria e á concentración, favorece o sono.

  • Estuda nun lugar con ambiente idóneo: Unha zona silenciosa e ben ventilada, cadeira cómoda e mesa ordenada, boa iluminación e temperatura adecuada.

  • Evita o consumo excesivo de hidratos de carbono, azúcres, café e bebidas estimulantes e ten coidado con substancias como os depresores do sistema nervioso central, analxésicos, estimulantes, inhalantes,etc…

  • Preparate mentalmente e chega con tempo ao exame é tan importante como estudar.

  • Mantén unha actitude positiva: Confía no traballo que fixeches e evita pensamentos negativos sobre a proba. O que te dis a ti mesmo inflúe. Substitúe frases como "non son capaz" por "estou mellor preparado do que creo".

  • Practica a respiración profunda: Se notas tensión, para uns segundos e respira profundamente. Isto axudarache a relaxarte.  

  • Evita compararte cos demais: Cada persoa ten o seu ritmo de aprendizaxe e preparación. Confía en ti mesmo.  

  • Visualiza o éxito: Imaxina que entras ao exame tranquilo, recordas o temario e respondes con seguridade. Isto reforzará a túa confianza.  

  • Acepta os nervios como algo normal: Un pouco de ansiedade pode ser positivo, xa que mellora a concentración. O truco está en que non se volva excesiva. 

  • Le ben as instrucións do exame e empeza polas preguntas máis fáciles, para afrontar despois as máis complexas ou as máis longas. Se non lembras unha pregunta, continúa coas que sabes para non perder tempo.

xoves, 8 de maio de 2025

Plan Director: Charla Violencia de Xénero

 

O Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos centros educativos e as súas contornas. Para lograr este obxectivo, creáronse canles de comunicación directa e permanente coa comunidade educativa por parte da Policia Nacional, mediante charlas impartidas por axentes e expertos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, coas que informan ao alumnado sobre diversos aspectos aspectos que atañen á súa seguridade.

Este mércores 7 de maio, no salón de actos do instituto o alumnado de 3º da ESO, participou nunha conferencia sobre o  tema da violencia de xénero. Os axentes destacaron que ven de primeira man as consecuencias devastadoras desta lacra polo que quixeron achegarnos  información clave para entender mellor este problema, identificar os seus sinais e coñecer os riscos que poden aparecer en ámbitos como as redes sociais.


Para empezar distinguiron dous conceptos : a violencia doméstica e a violencia de xénero.

A violencia doméstica refírese a calquera acto de violencia física, psíquica, económica ou sexual que se produce no ámbito do fogar ou da unidade de convivencia.

A violencia de xénero,  é un tipo específico de violencia que se exerce contra as mulleres por parte da súa parella ou exparella, tendo sempre un componente de relación afectiva. A motivación do agresor radica na súa pretensión de dominio e control sobre a muller.


É crucial estar atentos ás sinais de alarma nunha relación, xa que a violencia non adoita aparecer de forma repentina, senón que se vai manifestando gradualmente. Algúns indicios que deben poñernos en alerta son:

  • Control excesivo: A parella quere saber en todo momento onde estás, con quen falas, revisa o teu móbil, as túas redes sociais, e enfádase se non respondes de inmediato.
  • Illamento: Intenta afastarte da túa familia, dos teus amigos, e critica ás persoas que che importan.
  • Desvalorización e humillación: Insúltate, ridiculízate en público ou en privado, mina a túa autoestima.
  • Cambios de humor bruscos: Pasa da euforia á rabia sen motivo aparente.
  • Coacción: Obrígar a outros a facer cousas que non queren. impoñer as decisións.
  • Violencia verbal: Gritos, insultos, descalificacións constantes.
  • Minimización ou negación: Resta importancia aos seus actos violentos ou directamente os nega.
  • Culpabilización: O agresor sempre culpabiliza á víctima dos actos de violencia.

No contexto actual, as redes sociais poden converterse nunha ferramenta máis de control e violencia polo que debemos ser conscientes dos perigos que entrañan:

  • Control de contas: A parella insiste en coñecer as túas contrasinais, revisa as túas conversas privadas, os teus contactos, e esixe explicacións sobre as túas interaccións en liña.
  • Xeolocalización: Obrígate a compartir a túa ubicación en tempo real ou actívaa sen o teu consentimento para saber onde estás en cada momento.
  • Ciberacoso: Envía mensaxes ofensivas, difama ou divulga información persoal sen o teu consentimento.
  • Vixilancia constante: Está pendente das túas publicacións, dos teus "me gusta", dos teus comentarios, e cuestiónaos.
  • Suplantación de identidade: Crea perfís falsos coa túa imaxe ou utiliza as túas contas para publicar contido sen a túa autorización. 

É vital entender que ningunha forma de control ou violencia é aceptable. Por este motivo, alertaron de que se alguén coñece a unha persoa que está a vivir unha situación así, non dubidemos en pedir axuda á Policía Nacional. Informando tamén que Contan  con unidades especializadas en violencia de xénero que poden ofrecer información, asesoramento e medidas de protección. O teléfono ó que podemos acudir é o  016.