mércores, 23 de abril de 2025

Formación sobre afectividade sexual


 Dentro do Plan de Acción titorial do centro, seguimos a a colaborar co Equipo de  Orientación e Planificación familiar de Ferrol, para continuar coa actividade en materia de afectividade en sexualidade que se tiña iniciado no segundo trimestre, os destinatarios foron os rapaces e rapazas de  2º da ESO desenvolvéronse nesta ocasión na biblioteca do centro en dúas quendas desde as 10’30 ás 12’10, o día 22-04-2025.


Estas charlas teñen como obxectivo primordial dotar ao alumnado de coñecementos baseados en datos empíricos, habilidades, actitudes e valores que os preparen para gozar de saúde, benestar e dignidade.
Establecer relacións sociais e sexuais baseadas no respecto e o consentemento. Analizar como as súas decisións afectan ao seu propio benestar e ao doutras persoas  e comprender como protexer os seus dereitos e velar por eles. 

Nos coloquios e exposicóns abórdanse temas como: 

  • O noso corpo e os seus cambios, as emocións e os sentimentos, as relacións interpersoais

  • A saúde sexual e o desenvolvemento, as habilidades para conservar  a saúde e o benestar, así como, as relacións sexuais e afectivas equilibradas.

  • O entendemento de xénero, a loita contra a violencia sexual e afectiva.

  • Os valores e a  cultura de dereitos e sexualidade.

Desde o Departamento de Orientación queremos felicitar a titores, alumnado e profesorado pola súa participación activa nestas charlas e agradecer o traballo do Equipo de  Orientación e Planificación familiar de Ferrol.


mércores, 2 de abril de 2025

Día Mundial da Saúde


O 7 de abril celébrase o Día Mundial da Saúde, promovido pola (OMS) en 1948. Nesta ocasión queremos facer mención dun tema de saúde que nos afecta a toda a comunidade educativa e que non se pode visibilizar con máscaras, nin facer prevención con vacinas, que é a saúde mental. 
Neste día temos como obxectivos:
Promover o coñecemento de hábitos de vida saudables que contribúan ao benestar físico, mental e social.
Fomentar a responsabilidade individual e colectiva na adopción de prácticas saudables no día a día.
Posibilitar a reflexión sobre as propias emocións e a súa importancia.
Desmitificar a saúde mental e fomentar a busca de axuda cando sexa necesario.
Promover a empatía e a comprensión cara ás emocións dos demais.

 Moitas veces, a xente ao noso redor parece feliz, pero non sabemos se están sufrindo. A dor mental non se ve coma unha ferida física. Nas redes sociais, só vemos imaxes de felicidade, o que nos fai pensar que a nosa vida é peor. Non falamos do sufrimento e evitamos axudar aos demais. 

Aínda que é importante buscar axuda profesional, todos podemos facer pequenas cousas para axudar aos demais: saudar, escoitar, sorrir. Estes xestos simples poden dar esperanza a alguén que está a pasar por un momento difícil.

Son moitos os aspectos conectados coa saúde mental e unicamente deixamos unha pequena  propostas para iniciar o diálogo nas aulas. 

            

  A información está resumida na infografía.

Saúde Mental de OrientacíónSofíaCasanova.

 

1º Actividade. Iniciamos o diálogo analizando "o caso de María".

María  é unha moza de 15 anos que ten unha vida normal: vai ó instituto, fai natación un par de días á semana e as fins de semana sae a pasear cos seus amigos e amigas pola súa cidade. Unha vez cada 15 días, desde fai un par de meses, vai á psicóloga, aínda que non llo dixo a ninguén.

«Os psicólogos son os profesionais ós que acudimos cando necesitamos axuda para coidar da nosa saúde mental.»

  • Que imaxinas que lle pode pasar a María para acudir á psicóloga?
  • Cres que é normal que non llo contou a ninguén? Por que?
  • Coñeces  cal é a diferenza entre a psicoloxía e a psiquiatría? Explícao coas túas propias palabras.
  • Por que cres que é importante coidar a saúde mental? 
  • Poderías definir “saúde mental” coas túas propias palabras?
  • Que factores dos que ves na táboa cres que inflúen na nosa saúde mental?

2º Actividade. "A miña mochila emocional"
Pedimos a cada estudante que debuxe unha mochila nun folio ou cartolina. Explicamos que a mochila representa as a carga das nosas emocións e experiencias. Animamos ó alumnado a que debuxen ou escriban dentro da mochila as emocións que experimentan con máis frecuencia, debuxando un peto para as positivas e outro para as negativas. Tamén poden incluír símbolos ou emoticonos que nos axuden a expresalas ou identificalas do mellor xeito.
Nesta actividade a mochila serve como unha representación visual do mundo interior do alumnado, permitíndolles conectar as emocións coas experiencias que as provocan. Ao compartir as súas mochilas emocionais con outros compañeiros poden darse conta de que non están sós nos seus sentimentos e que outros tamén experimentan desafíos similares.

Para rematar deixamos un Decálogo da Boa Saúde Emocional e Hábitos de Vida Saudables.