xoves, 14 de abril de 2022

Día do Libro

  A UNESCO fixou en 1995 esta data para a celebración do Día do Libro coincidindo  coa de pasamento dos escritores Miguel de Cervantes, William Shakespeare, e Inca  Garcilaso de la Vega. Esta efeméride ten como obxectivos ademáis  de rendir homenaxe ós libros e aos autores e autoras, fomentar a lectura, defender o libro e o dereito de autor, promocionar a alfabetización, a igualdade e o libre acceso ao coñecemento, ao contido científico así como aos  recursos educativos diversos. Trátase de facer festa cos libros e aos autores e autoras, incidindo no fomento do pracer da lectura, valorando axeitadamete a  a achega cultural e o legado dos grandes escritores e escritoras. Este ano coinciden de aniversario varios  xigantes de literatura en todos os xéneros e linguas. Empezando polo 500 aniversario da morte de Antonio Nebrija, coa súa Gramática da lingua castelán publicada en 1492. O 400 aniversario do nacemento do dramaturgo francés Molière. Os 100 anos do nacemento de Saramago, o pensador portugués. O centenario da morte de Marcel Proust, e os aniversarios da publicación  de El mundo de Guermantes e  de Sodoma y Gomorra, o terceiro e cuarto volumen da súa obra monumental: El tiempo perdido.  Tamén se cumpre un século de publicación de grandes obras de literatura contemporánea como o Ulisses de James Joyce. Poema da literatura inglesa como La tierra baldía de T. S. Eliot. Para rematar non queremos esquecer os poemarios:  Trilce de César Vallejo e  Desolación, da autora chilena e premio Nóbel de Literatura, Gabriela Mistral.

Día do libro de Biblioteca Sofía Casanova.

Nesta presentación deixamos información e vídeos sobre estes acontecementos. Somos conscientes da gran cantidade de información e da complexidade literaria das obras e dos autores/as que, sin embargo, son referentes imprescindibles da cultura, por este motivo queremos propoñer as seguintes actividades:

1.- Compoñer unha líña temporal con datos imaxes e información resumida dos aniversarios e as obras da presentación,  e outros que non temos mencionado quí, pero que consideredes de interés. No círculo poñedes a imaxe, na liña, escribides a data, e no cadro resumides a información sobre o autor/ autora e a obra.

liña do tempo de Biblioteca Sofía Casanova

2.- Unha vez máis, neste curso, insistimos no emprego da poesía e neste caso queremos que lle poñades imaxes a algún texto dos poemas que están na presentación. Deberedes indicar o título e o autor ou autora, para facer un marcapáxinas do Día do Libro 2022. Os que queiran entragalos na biblioteca optarán a un premio.

Deixamos esta infografía na que premendo sobre cada cadriño atoparás a páxina dun dos poemarios.

poemarios de Biblioteca Sofía Casanova

xoves, 7 de abril de 2022

Día Mundial da Saúde

O 7 de abril celébrase o Día Mundial da Saúde para lembrar o aniversario da fundación da Organización Mundial da Saúde (OMS) en 1948. Despois de ter pasado estes anos por un longo período de pandemia e inmersos como estamos en varios conflitos bélicos no planeta , pode parecer que hoxe temos que falar de medicina, descubrimentos científicos e outros logros importantes da humanidade. Sendo moi importantes este temas, hoxe queremos facer mención dun tema de saúde que nos afecta a toda a comunidade educativa e que non se pode visibilizar con máscaras, nin facer prevención con vacinas, que é a saúde mental.
Na nosa contorna vemos compañeiros, traballando, estudando, facendo deporte, todos parecen saudables e felices. Pero o certo é que:se nos afecta un problema e nos desequilibra mentalmente , non levamos unha escaiola que faga visible a nosa dor; por iso faise difícil identificar estas doenzas nos outros, incluso podemos chegar á convicción de que somos os únicos que experimentan a angustia, o medo ou o sufrimento interior. Nesta sociedade da comunicación, curiosamente, só se publican fotos ou vídeos divertidos, compoñendo un calidoscopio de risas e poses falsas que nos dan a entender que todos viven unha realidade mellor que a nosa. Non se fala do sufrimento. Se alguén ten algún problema, sentenciamos que o fale cos amigos, cos profesores, coa orientadora, ou cun especialista. En fin, que o comparta con calquera pero que non sexa connosco. Dicimos que non estamos preparados para axudar. Sen minimizar o problema e recomendando que se acuda ós profesionais da saúde, o certo é que todos podemos abrir os ollos e tomar conciencia da dor dos semellantes.
Non se trata de facer grandes xestos pero saudar, acompañar, comentar en positivo, sorrir, felicitar, escoitar, poden ser para un compañeiro ou compañeira, un luz de esperanza que nos alumee o camiño cando no se ve a saída do túnel da desesperación.
Son moitos os aspectos conectados coa saúde mental e unicamente deixamos dúas propostas para iniciar o diálogo nas aulas. Ó noso lado hai compañeiros, amigos e profesores afectados por este motivo invitámosvos a comentar os seguintes vídeos e a realizar as seguintes actividades.

            

  A información está resumida na infografía.

Saúde Mental de BibliotecaSofíaCasanova.

1º Actividade. Iniciamos o diálogo analizando o caso de María.

María  é unha moza de 15 anos que ten unha vida normal: vai ó instituto, fai natación un par de días á semana e as fins de semana sae a pasear cos seus amigos e amigas pola súa cidade. Unha vez cada 15 días, desde fai un par de meses, vai á psicóloga, aínda que non llo dixo a ninguén.

«Os psicólogos son os profesionais ós que acudimos cando necesitamos axuda para coidar da nosa saúde mental.»

Que imaxinas que lle pode pasar a María para acudir á psicóloga?

Cres que é normal que non llo contou a ninguén? Por que?

Coñeces  cal é a diferenza entre a psicoloxía e a psiquiatría? Explícao coas túas propias palabras.

Por que cres que é importante coidar a saúde mental? 

Poderías definir “saúde mental” coas túas propias palabras?

Que factores dos que ves na táboa cres que inflúen na nosa saúde mental?



2º- Actividade, propoñémosvos que analicemos películas e libros para comprender a saúde mental.


AQUÍ  deixamos un listado con algunha suxestión.

SAÚDE MENTAL LIBROS E PELÍCULAS de BibliotecaSofíaCasanova.

1. Escollemos  unha das películas, series ou libros. Lemos ou vemos un anaco ou un capítulo da serie ou do libro.

2. Recollemos información para completar a táboa e facemos diálogo en grupos sobre os aspectos de saúde mental que nos chamaron a atención.


Na biblioteca de Familia podedes atopar libros que tratan diversos temas de saúde mental. Pero na sala de lectura tamén temos historias nas que os seús protagonistas teñen que lidiar con problemas de Anorexia, adiccións, acoso ou situacións do ámbito familiar que trastornan o seu equilibrio mental. Aquí deixamos algún pero hai moitos máis que podes ler.