En 1997, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou ó 2000, o Ano Internacional da Cultura da Paz. Con este motivo, un grupo de premios Nobel asinan O Manifesto 2000, para unha cultura da paz e da non violencia. Brevemente resumido en compromisos que todos podemos asumir a nivel individual e de grupo.
-Respectar a vida e a dignidade de cada persoa, sen discriminación nin prexuízos.-Practicar a non violencia activa, rexeitando a violencia en todas as súas formas: física, sexual, sicolóxica, económica e social, en particular cara aos máis débiles e vulnerables, como os nenos e os adolescentes.-Compartir o meu tempo e os meus recursos materiais, cultivando a xenerosidade a fin de terminar coa exclusión, a inxustiza e a opresión política e económica.-Defender a liberdade de expresión e a diversidade cultural, privilexiando sempre a escoita e o diálogo, sen ceder ao fanatismo, nin ó rexeitamento do próximo.-Promover un consumo responsable e un modo de desenvolvemento que teña en conta a importancia de todas as formas de vida e o equilibrio dos recursos naturais do planeta.-Contribuír ao desenvolvemento da comunidade, propiciando a plena participación das mulleres e o respecto dos principios democráticos, a fin de crear xuntos novas formas de solidariedade.
A escola esfórzase diariamente por enunciar e fomentar constantemente estes valores pero... Somos capaces de reflexionar sobre a resolución pacífica dos conflitos?
Nestas semanas previas á celebración do Día da Paz, tentaremos abordar o acoso escolar como a fonte de conflito máis habitual na nosa contorna, incidindo na súa identificación e na solución consensuada e pacífica do conflito, como parte da nosa educación para a convivencia e a paz.