Todas as persoas temos dereito a recibir educación na afectividade e a sexualidade. Esta educación, que é un dereito de nenos, nenas e adolescentes, recollido pola OMS resulta fundamental para o noso desenvolvemento persoal e social e para non caer en falsos mitos ou información errónea, así como, para axúdanos a comprender mellor o noso propio corpo e as nosas emocións. Tamén nos permite tomar decisións informadas sobre a nosa saúde sexual. Ademais, a educación na afectividade e a sexualidade axúdanos a desenvolver relacións saudables e respectuosas con outras persoas.
Por este motivo, e dentro do Plan de Acción titorial do centro, puxémonos en contacto co equipo de planificación familiar de Ferrol, para poder deseñar unha actividade pedagóxica que empregase información rigorosa, obxectiva e completa, a nivel biolóxico, psíquicolóxico e social, para dar respostas as inquedanzas do noso alumnado en materia de afectividade en sexualidade
Eles fixeron unha proposta de actuación por medio de charlas e debates cos rapaces e rapazas de 2º da ESO que tiveron lugar o 14 de xaneiro 2025.
Estas charlas teñen como obxectivo primordial dotar ao alumnado de coñecementos baseados en datos empíricos, habilidades, actitudes e valores que os preparen para gozar de saúde, benestar e dignidade. Establecer relacións sociais e sexuais baseadas no respecto. Analizar como as súas decisións afectan ao seu propio benestar e o doutras persoas e comprender como protexer os seus dereitos e velar por eles.Nos coloquios e exposicóns abórdanse temas como:
- O noso corpo e os seus cambios, as emocións e os sentimentos, as relacións interpersoais
- A saúde sexual e o desenvolvemento, as habilidades para conservar a saúde e o benestar, así como, as relacións sexuais e afectivas equilibradas.
- O entendemento de xénero, a loita contra a violencia sexual e afectiva.
- Os valores e a cultura de dereitos e sexualidade.
Desde o Departamento de Orientación queremos felicitar a titores e alumnado pola súa participación activa nestas charlas e agradecer o traballo do equipo de planificación familiar de Ferrol.